Manifiesto Obra Social 12-01-12: Mais Alá

 

Antes de nada queremos agradecer o apoio de todas asociacións, persoas a título individual,  colectivos, grupos políticos e a todo mundo en xeral que nos está a apoiar nesta xornada de reivindicación.

Alá polo 24 de xuño de 1922 asinaba o escritor rianxeiro Manuel Antonio un manifesto rompedor, Máis alá, un título apropiado para o que nos concirne hoxe, o noso propósito de erguer un “Máis alá” pola Obra Social galega coa intención de dar continuidade a un proxecto, a día de hoxe fundamental para miles de persoas no país, que naceu da pura convición de que a sociedade galega debía ser a auténtica beneficiaria das súas propias finanzas, o punto clave no que reverter a nosa economía.

Esta Obra Social foi fornecendo até o día de hoxe espazos de cultura, de solidariedade, de avance cara a un futuro comprometido con Galicia mediante centos de accións que se foron anoando con todos nós no decorrer dos anos, de xeito directo ou indirecto. A Obra Social significou un apoio firme en todos os eidos.

Desde artistas da música ou do lenzo, escultores e ata dramaturgos do país experimentaron o seu amparo; significou unha aperta para a mocidade galega chea de boas ideas, grandes propostas e moita creatividade, buscando formación noutras xeografías e ansiando amosar os seus talentos científicos, literarios, musicais, audiovisuais ou fotográficos recoñecidos mediante bolsas, premios, subvencións e outras ferramentas de incentivo; traduciuse tamén en axudas a profesionais de todas as áreas para facer da rede empresarial galega un proxecto máis forte e avanzado; significou un apoio certo aos diferentes sectores sociais galegos, desde oenegués, poboación en risco de exclusión, comedores, plataformas polo desemprego, a inmigración, alén da colaboración permanente con outras institucións públicas non lucrativas para a posta en valor de novos proxectos para a comunidade.

A existencia da Obra Social implicou asemade unha salvagarda para os diferentes sectores da poboación, desde a infancia á terceira idade, dinamizando a súa actividade social e culturalmente a través dos Centros de Maiores, distribuídos por toda a paisaxe galega, ou a través das escolas infantís e garderías. Un labor de edición atento ás nosas xoias literarias, aos nosos escritores emerxentes, a especialistas en diversas áreas de estudo; bibliotecas que abrollaban lecturas en galego, enchoupadas de historia viva. Supuxo a activación dos deportes galegos a través da organización de torneos de diferentes especialidades e carreiras, financiando campañas, material e mobiliario deportivo e mesmo construíndo instalacións en calquera concello de Galicia. Grandes proxectos a prol do medio ambiente tamén contaron coa súa contribución.

Poderiamos seguir contando cada unha das accións desta nosa Obra Social ata perdernos nun envurullo de papeis, mais este manifesto só pretende transmitir aquilo que en esencia é, para activar as nosas conciencias en contra da súa desaparición.

Despois de tanto esforzo, tantos logros conseguidos e tan longo percorrido andado, atopamos que hoxe a nosa Obra Social esmorece a consecuencia dunha nefasta política económica e un saqueo manifesto dos fondos das caixas. Queremos desde aquí reivindicar e esixir a continuidade deste innegable labor solidario.

Queremos berrar alto e forte que está en xogo a nosa cultura e o noso apoio social, mais tamén a dignidade e o espírito co que naceron as caixas, co obxectivo claro a prol da clase traballadora máis humilde e da sociedade que sempre confiou nelas. É hora, pois, de reivindicar con toda a nosa forza a mantenza da Obra Social, convertida xa en Galicia nunha necesidade á que non podemos renunciar.

Cómpre romper esta dinámica suicida que só vai provocar  miseria e desolación. Chegou a hora de dicir NON a este atentado contra o patrimonio colectivo, froito do aforro dos nosos devanceiros, de todos nós, dos galegos e galegas. NON imos deixar sepultar no esquecemento o traballo de xeracións. 

Uns poucos non poden destruír o erguido por moitos.

Pola continuidade da Obra Social, ao abeiro do manifesto do autor de Asados, berramos enerxicamente un MÁIS ALÁ!!

Dejar un comentario